- A entidade desenvolve en Nantón diferentes iniciativas en materia de saúde, coidado do medio ambiente, campañas de sensibilización ou redes sociais.
Neste 2022 son once as persoas que participan nos diferentes programas de voluntariado que promove a asociación Íntegro con sede en Nantón (Cabana de Bergantiños). Un deles é o proxecto “O Voluntariado coa Diversidade”, unha iniciativa financiada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que está dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos que residan na Costa da Morte. Entre as súas principais funcións destaca a de prestar apoio ao equipo de monitores no desenvolvemento das actividades diarias do Centro de Día e do Centro Ocupacional (talleres de autocoidados, mantemento físico, tarefas do fogar ou habilidades sociais) así como nas diferentes campañas de sensibilización social (Capacíta-T, prevención da lesión medular ou muller e diversidade funcional) ou nas saídas culturais e de lecer como a que se realizou este venres ao Aquapark de Cerceda.
Ademais de promover a participación activa do voluntariado, desde Íntegro foméntase a súa formación e capacitación a través de iniciativas como o “Proxecto de actividades de captación, sensibilización e formación”. Xunto á campaña anual de dinamización, levada a cabo en centros de ensino e entidades públicas e privadas da contorna, desenvólvense accións formativas individuais e colectivas arredor de temáticas moi diversas. Unha das primeiras que se celebrarán este mes de xullo xirará arredor da “Formación básica en Medio Ambiente”, que se desenvolverá os días 18, 22, 25 e 27 para concienciar e sensibilizar en materia medioambiental proporcionando valores e actitudes responsables e respectuosas coa contorna. Durante o 19, 21 e 26 de xullo será a quenda dunha nova edición do obradoiro “O voluntariado en época de pandemia”, a terceira tras o éxito de participación acadado nos meses de marzo e abril.
Agosto tamén chegará cargado de novidades para as persoas voluntarias de Íntegro. Os días 23, 25 e 30 levarase a cabo a segunda edición de “Nocións básicas de primeiros auxilios nas actividades de lecer”, unha acción formativa de nova implantación destinada a adquirir os coñecementos básicos para a detección e prevención de accidentes durante a realización de actividades lúdicas, ademais de identificar e responder ante situacións de urxencia. Xa en setembro (6, 7 e 8), arrincará un novo obradoiro sobre “Introdución a perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades”, destinado a promover a conciencia social en materia de igualdade e dar a coñecer o novo plan de Íntegro para combater as desigualdades seguindo os obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030. A programación formativa anual tamén inclúe talleres sobre o “Uso axeitado de internet” e “Voluntariado e diversidade funcional”, celebrados xa no primeiro semestre do ano.
Grupo Xuvenil Íntegro
Por outra banda, dentro do programa Iniciativa Xove, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Íntegro está promovendo un proxecto integral dirixido a mozos e mozas con diversidade funcional e con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Os obxectivos deste programa están orientados a traballar de xeito transversal os hábitos saudables, a saúde física e mental, a prevención de conductas de risco e/ou violentas e a promoción de accións cotidianas para coidar do medio ambiente.
No que vai de ano, desde o Grupo Xuvenil de Íntegro desenvolvéronse actividades, charlas e talleres formativos na área social e de sensibilización (visita aos museos coruñeses e participación nas charlas sobre prevención da lesión medular), na medioambiental (charla sobre a importancia da reciclaxe, obradoiro de compostaxe doméstica e limpeza de praias a montes da Costa da Morte) e na de saúde (adquisición de hábitos saudables, obradoiros sobre sexualidade e nutrición, saídas pola contorna, xornadas deportivas en praias, visita aos mercados, Lecer Náutico en Sanxenxo, navegación en Camariñas e posta en marcha dun Horto Compartido). A próxima actividade programada será o venres 15 e consistirá nunha andaina pola Ruta da Auga, no Concello de Zas.
Para formar parte do equipo de voluntariado será preciso inscribirse no 981 734 985 ou enviar un mail a info@integro.es.