O Concello de Cabana de Bergantiños, ao abeiro dunha subvención de 891.999,44 euros enmarcada no programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, realizará numerosas actuacións de mellora enerxética nas instalacións públicas municipais coa finalidade de reducir o consumo enerxético xerando unha comunidade enerxética na Carballa.
A través desta subvención concedida polo IDAE levarase a cabo un programa estruturado nas seguintes medidas recollidas no programa DUS 5000:
A primeira delas suporá a rehabilitación enerxética da piscina municipal a través da renovación da unidade de tratamento de aire e das luminarias existentes por tecnoloxía LED. Tamén se substituirá a caldeira de gasóleo existente que proporciona la enerxía térmica para subministrar auga quente na piscina municipal por una bomba de calor de aerotermia de 49,7 kW para a piscina e 4 bombas de calor de aerotermia de 1,75 kW cada unha para os vestiarios.
A través destas dúas medidas, as emisións de CO2 reduciranse de 68,6 kg de CO2/m2 a 37,70 kg de CO2/m2, pasando así dunha cualificación enerxética de D a B.
Outro dos puntos do plan suporá a execución de catro instalacións solares fotovoltaicas con de autoconsumo colectivo sen excedentes no polideportivo municipal, cunha potencia de 99,735 kW e unha produción anual estimada de 116.960,25 kWh. ademais dun sistema de acumulación con capacidade de almacenamento de 196,80 kWh. Tamén se instalará unha no centro de saúde, cunha potencia eléctrica de 40,33 kW e unha produción anual estimada de 53.397,85 kWh. cun sistema de acumulación con capacidade de 73,80 kWh. Pola súa parte , na casa do concello, a futura instalación terá unha potencia de 19,62 kW cunha produción anual estimada de 17.635,61 kWh. e un sistema de acumulación de 32,80 kWh. Finalmente, a instalación da casa da cultura terá unha potencia de 22,89 kW e unha produción anual estimada de 20.594,54 kWh cun sistema de almacenamento de 41,00 kWh. Todas estas instalacións alimentarán conxuntamente aos edificios públicos municipais independentemente de se algúns deles contan con elas ou non como é o caso do CPI As Revoltas.
A medida restante consistirá na substitución dun vehículo da flota municipal por un novo eléctrico co seu correspondente punto de recarga con sistema modo 3 de 7,4 kW, permitindo estas actuacións rebaixar o consumo de enerxía anual de 4.996 kWh a 873 kWh.
O alcalde, José Muíño, celebra a concesión dunha axuda “que consolidará a Cabana á vangarda comarcal na aposta polas enerxías renovables, permitíndonos xerar unha comunidade de enerxía limpa que teña como pilares o autoabastecemento e o emprego de fontes de enerxía renovables”. Nesta liña, o rexedor tamén sinala que “con estas actuacións darémoslle cumprimento a un dos nosos grandes obxectivos estratéxicos; facer de Cabana un municipio sustentable, adaptado ás demandas do presente e que estea preparado para afrontar os requirimentos do futuro”.