O alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, recibiu este mércores acompañado polos edís Carlos Allo e Sheila Recarey, á conselleira de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia, Fabiola García, para comprobar o resultado dos traballos de ampliación do centro de día de Neaño, que este mesmo mes cumpre 14 anos desde a súa posta en marcha.
A través desta actuación, valorada en 423.538,36 euros e cofinanciada polo goberno autonómico, a superficie do recinto aumenta ata os 260 metros cadrados de superficie cuberta, repartidos en distintas instancias como unha sala de exercicios, un comedor e a súa correspondente cociña, ou unha sala polivalente, entre outros espazos, así como 157 metros cadrados correspondentes a un horto exterior.
O derradeiro procedemento para a culminación íntegra dos traballos será a ampliación tanto da biblioteca como do almacén, que será empregado conxuntamente polo Concello como polo propio centro.
Na inauguración, tanto o rexedor como a conselleira puideron comprobar o resultado da actuación de man das persoas que na actualidade xa fan emprego das instalacións. Durante a visita, o alcalde, José Muíño, destacou a importancia “da colaboración entre institucións para avanzar cara uns servicios máis eficientes” e fixo fincapé na aposta municipal “por promover unha maior calidade de vida a través dunha actuación que converte ao noso Centro de Día nunha referencia”, concluíu.