Cabana | O Concello ampliará un tramo do paseo marítimo por case 235.000 euros

Imaxe de arquivo do paseo en Cabana_Cedida

  • O tramo en cuestión é o que está comprendido entre O Curro e o Monte de San Sebastián

O Concello de Cabana de Bergantiños acometerá a ampliación do paseo marítimo, concretamente no tramo entre O Curro e o Monte San Sebastián, grazas a unha subvención do Grupo de Acción Costeira GALP Costa da Morte. A entidade contribuirá ao 80% dun orzamento total de 235.000 euros. Con este proxecto a Administración local buscará a recuperación ambiental e a posta en valor da zona. Ademais, dentro deste plan tamén se prevé a creación dun novo miradoiro de aves, na praia da Orixeira atópase o outro, debido á riqueza ornitolóxica do estiario do Anllóns.

O goberno local acadou o mutuo acordo con todos propietarios dos bens para iniciar o expediente de expropiación, xa que se observan dificultades á hora de demostrar a titulariedade dos mesmos.

Para executar este proxecto procederase ao previo acondicionamento da zona para pavimentar a senda peonil e, para facilitar a drenaxe das augas de escorrentía, tamén se executarán cunetas en ambas marxes da senda e embocaduras integradas na contorna. Esta actuación tamén contempla a instalación de novo mobiliario urbano e paneis de interpretación.

O alcalde de Cabana, José Muiño, recalcou a importancia deste proxecto “para poñer en valor un dos espazos naturais máis importantes de Galicia: a Ensenada de Ínsua», e sinalou que seguirán ampliando este camiño ata unir o municipio co de Ponteceso para poder «gozar dun dos mellores paseos de toda a Costa da Morte”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha