O Concello de Cabana presenta o seu programa cultural de outono cunha oferta marcada pola súa ampla variedade de propostas para todos os públicos.
O 23 de outubro, o Auditorio Municipal acollerá desde as 18.00 horas a representación de ‘Leonardo e Os Biosbardos’, unha obra a cargo de A Xanela do Maxín para o público infantil.
O domingo, día 29 de outubro, terá lugar unha nova edición do roteiro máxico ‘As cores do Samaín’, con saída desde o Dolmen de Dombate ás 18.00 horas. A actividade inclúe unha andaina ata o Castro de Borneiro na que as persoas participantes deberán ir disfrazados e portando candelabros. A música de O Son do Castro e a animación de Os Quinquilláns amenizarán unha velada na que tamén haberá degustación de castañas.
Unha semana máis tarde, o sábado 5 de novembro, o local social de Anos acollerá unha sesión de cine de outono coa proxección do filme ‘Mi amigo Pony’ ás 21.00 horas, e un día despois, o domingo 6 de novembro, Baobab Teatro achegará o seu espectáculo ‘Ris Ras’ ao Auditorio Municipal desde as 18.00 horas.
O venres 11 de novembro chegará unha das datas máis agardadas pola mocidade cabanesa, a ‘Romaría de inverno no verán de San Martiño’. A xornada transcorrerá de 10.00 a 13.00 en San Fins do Castro e contará coa música de Os Monifates, co espectáculo do contacontos Anxo Moure ademais do tradicional ‘berro seco’, paseos no tren turístico e por suposto castañas e chocolate con churros para repoñer forzas.
O 20 de novembro, Xarope Tulú amenizará a o serán dominical coa seu espectáculo ‘Rilla Rilla’ a partir das 18.00 horas no Auditorio Municipal.
O venres 25 de novembro, co gallo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Casa do Pendón acollerá ás 11.00 horas a xornada ‘A visibilidade da muller: Somos unha voz importante”.
Ese mesmo domingo, día 27 de novembro, os máis cativos poderán gozar con ‘O aniversario do avó’, o show que Os Bolechas levarán ás 18.00 horas ao Auditorio Municipal.
O sábado 3 de decembro, o Auditorio acollerá desde as 17.00 horas a presentación póstuma da obra ‘Na lingua que eu falo’, da poeta cabanesa Matilde Vilariño Pose, gran defensora da nosa fala.
MÚSICA PARA DARLLE A BENVIDA AO NADAL
A música será a gran protagonista do mes de decembro en Cabana coa celebración de dúas grandes citas:
A primeira delas, o XVIII Festival Tempos de Nadal, organizado pola Coral Polifónica de Cesullas coa colaboración do Concello, reunirá desde as 18.30 horas do 11 de decembro no Auditorio, ademais da agrupación organizadora á Coral Polifónica Costumes de Bergondo, a Coral Anduriñas do Xaviña e a Coral Aires de Nós.
Unha semana depois, o sábado 17 de decembro terá lugar, tamén no Auditorio, o Festival As Nosas Músicas no que actuarán a partir das 18.00 horas os seguintes músicos locais: O Son do Castro, Manuel Souto, Jacinto Paredes e os seus acordeóns, Grupo de gaitas Maruxía, Os Enxebres de Cabana, Eloy Mato, My Way e Os Farrapos.
Exposición e visitas en Dombate
O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate acollerá a exposición fotográfica ‘A Costa da Morte… Namora’, de Chelo do Xastre ata o día 11 de decembro.
Ademais, o recinto recibirá visitas guiadas de venres a domingo en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas.