Cabana organiza unha nova edición do ‘Ruralízate’, para maiores de 55 anos

Cedida

O Concello de Cabana, a través do departamento de Servizos Sociais, organiza unha nova edición do programa ‘Ruralízate’, unha iniciativa que busca ofrecer alternativas de ocio e fomentar a socialización entre a poboación do municipio e da súa contorna.

Deste xeito, as persoas maiores de 55 anos poderán formar parte dun amplo calendario de actividades que comezará no mes de febreiro e que finalizará en decembro deste ano. As sesións terán lugar nas instalacións da Asociación Íntegro.

Entre os obradoiros nos que se poderá participar está o de traballos manuais, que se impartirá os xoves de 17:30 a 19:30 entre febreiro e marzo. A seguinte opción será un taller de arranxos florais, que manterá o mesmo horario entre os meses de abril e maio.

Os xoves de 17:30 a 18:30 do mes de xuño impartiranse sesións de risoterapia para as persoas participantes. De cara a última metade do ano, o Concello iniciará o obradoiro de restauración de mobles de setembro a novembro (mércores de 16:30 a 18:30 horas) e o de arranxos de Nadal nos meses de novembro e decembro (luns de 17:30 a 19:30 horas).

Desde o departamento de Servizos Sociais agradecen “o amplo seguimento que o programa colleitou nos últimos anos” e animan a calquera persoa interesada a “inscribirse nunha programación que ofrece unhas alternativas de ocio seguras e de alto valor formativo en Cabana”.

As inscricións deberán tramitarse no Rexistro Xeral do Concello desde o 27 de xaneiro ao 4 de febreiro. Toda a información e os impresos necesarios están dispoñibles a través da páxina web www.cabana.gal.