O Concello de Cabana de Bergantiños avanza con paso firme no seu plan de mobilidade sustentable coa posta en marcha dos puntos municipais de recarga rápida, de 50 kilovatios, dando mostra da súa aposta polo emprego de enerxías renovables e pola inclusión, ao estar unha destas estacións adaptadas para persoas con diversidade funcional.
Este venres tivo lugar o acto de presentación e posterior demostración dos puntos de recarga situados nas inmediacións da casa consistorial, coa presenza do alcalde, José Muíño; o delegado institucional de Iberdrola, Francisco Silva; unha delegación da Asociación Íntegro e Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia.
En total instaláronse tres puntos no municipio, un nos exteriores da Escola de Vela, cuxa activación está prevista proximamente, e os dous restantes na casa consistorial, xa en funcionamento. Ditas estacións permiten a carga rápida (50kW) simultánea de dous vehículos, a un prezo de 0,25 euros por cada kilovatio por hora, unha tarifa notablemente máis económica que as ofertadas polas electrolineras comerciais.
Ademais, outro fito pioneiro desta actuación e que unha das estacións situadas nas inmediacións da casa do concello está adaptada para o seu emprego por parte de condutores con diversidade funcional, promovendo deste xeito unha maior inclusión nas condicións de mobilidade.
O alcalde do Concello de Cabana, José Muíño, agradeceu a presenza de todas as persoas asistentes e destacou “a aposta por avanzar cara un modelo de transporte cada vez máis sustentable e inclusivo no que primen o respecto pola contorna e a igualdade de condicións”. Ademais, fixo fincapé “nunha actuación que nos coloca á vangarda na aposta pola preservación do medio ambiente e da inclusión ao mesmo tempo que nos permite ofrecer un servizo do que pode beneficiarse un gran número de poboación”, sinalou o rexedor.
Pola súa parte, Francisco Silva, delegado institucional de Iberdrola, empresa responsable da xestión, resaltou a importancia da cooperación para “impulsar este tipo de iniciativas que nos conducen cara un futuro máis harmonioso coa contorna natural”.
O vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, Jesús Picallo, salientou “as potencialidades turísticas que ofrece a instalación destes puntos de carga, facendo non só de Cabana, senón do conxunto da Costa da Morte un atractivo para o turismo ecolóxico”.