- A partir deste luns instalaranse dispositivos de captura no CEIP As Revoltas, parques ou instalacións deportivas
Co bo tempo e coa chegada inminente da primavera, as avespas velutinas comezan a espertar do seu letargo invernal polo que cómpre actuar con rapidez para intentar frear a súa expansión. Por este motivo, o Concello de Cabana de Bergantiños comezará este luns unha campaña de trampeo coa instalación de 80 dispositivos de captura en diferentes espazos públicos como parques ou instalacións deportivas, no CEIP As Revoltas e tamén en antigos niños.
As persoas interesadas en unirse a esta campaña poderán solicitar un dispositivo e un litro de líquido repelente por fogar ata o vindeiro 31 de maio. Unha vez recibidos, deberán dar conta do número de raíñas capturadas cada 15 días para poder controlar a evolución do programa. Os apicultores e apicultoras do municipio tamén poderán solicitar trampas ou repelente adicional para os seus terreos.
O alcalde, José Muíño, destacou a importancia da iniciativa “para diminuír os efectos desta praga» que nestas datas comeza a causar cuantiosos danos nas explotacións apícolas e que incluso «chega a supoñer un risco para a veciñanza”.