Cabana prepárase para dous meses de actividades culturais con concurso de Entroido incluído

4 minutes read
  • Na programación tamén destacan varias actividades polo Día de Rosalía e o Día da Muller

O departamento de Cultura do Concello de Cabana presentou o calendario de actividades para os meses de febreiro e marzo. A conmemoración do Día de Rosalía de Castro, o Entroido e o Día da Muller protagonizan unha programación con especial presenza do alumnado da Escola Municipal de Teatro.

O 23 de febreiro conmemorarase o Día de Rosalía de Castro coa visita teatralizada da poeta e o seu marido, Manuel Murguía, á biblioteca municipal María Baña. O evento estará a cargo da rapazada da Escola de Teatro e contará con música e poemas en vivo. Para asistir será necesario inscribirse chamando ao 981 754 020.

Os días 26 e 27 o ‘tren entroideiro’ dará inicio ás celebracións co seu particular percorrido polas parroquias cabanesas da man do grupo de música ‘Os Farrapos’ e a Escola Municipal de Teatro, que se converterá na Charanga Infantil dos Cabezóns para a ocasión.

Durante a primeira xornada o tren pasará pola igrexa de Cundíns (15:30 h.), A Pedra de Nantón (16:15 h.), a taberna da Mata en Riobó (16:50 h.), a igrexa de Corcoesto (17:25 h.), Silvarredonda (18:00 h.), a taberna de Beres (18:30 h.) e o campo da festa do Esto (18:50 h.) Ao día seguinte o percorrido pasará pola igrexa de Borneiro (10:35 h.), igrexa de Canduas (11:45 h.), a Praza de Neaño (12:15 h.), a igrexa de Cesullas (12:45 h.) e a taberna de Anos (13:30 h.).

A programación de Entroido culminará o martes 1 de marzo no pavillón municipal, que acollerá desde as 17:00 horas unha sesión de inchables, obradoiros, música e actuacións entroideiras cargadas de diversión a cargo da compañía Catropés e a discoteca móbil Impacto e Begoña García.

A partir das 18:30 horas comezará a pasarela infantil de disfraces e a de comparsas, que contará cun concurso con premios en metálico cuxa inscrición estará aberta dende o 21 ao 28 de febreiro. Neste mesmo período será necesario anotarse para asistir ao pavillón chamando ao Concello no 981 754 020. Requirirase o certificado covid.

O xoves 3 de marzo, Pedras de Cartón representará a obra ‘Quixote’ ás 12:00 horas nas instalacións do auditorio municipal.

Por outra banda, en conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo realizarase unha visita á Coruña e un roteiro para coñecer máis en profundidade ás mulleres senlleiras da comarca. Será necesario inscribirse chamando ao Concello do 21 ao 28 de febreiro.

Máis actividades

O centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá o día 16 de marzo, ás 18:30 horas, a presentación da exposición ’50 anos cambiando a historia do cancro’ cedida pola Asociación Española contra o Cancro. A inauguración estará a cargo de Miguel Vázquez López, investigador Idea Semilla AECC na Universidade de Santiago de Compostela. A mostra estará dispoñible ata o 31 de marzo.

O domingo 20 de marzo será a quenda do contacontos Magín Blanco coa súa proposta ‘O que levamos nas maletas’. A sesión arrancará ás 18:00 horas nas instalacións do auditorio municipal. Inscricións no 981 754 020.

Ao día seguinte desenvolverase a actividade ‘Educar na natureza’ na Reitoral de Nantón. A partir das 11:30 iniciarase unha xornada dedicada á plantación de árbores autóctonas no xardín anexo á Reitoral.

O martes 22 de marzo Talía Teatro representará a obra ‘A parábola do Anganzo’ no auditorio municipal. A actividade dará comezo ás 16:00 horas.

A derradeira cita da programación chegará o domingo 27 de marzo ás 18:00 horas no auditorio municipal. Será a quenda das Avoas de Laxe Teatro co seu ‘Facede o favor… pensade’. Será necesaria a inscrición previa.

Concurso ‘Crea un meco’

Por segundo ano consecutivo, o departamento de Cultura convoca o concurso ‘Crea un meco’, que no 2021 colleitou unha excelente acollida por parte de veciñanza.

O certame consiste na elaboración dun boneco ou un espantallo que deberá ser colocado nunha propiedade privada (casa, horta, leira, xardín…) da persoa participante. Deberá ser unha representación con temática asociada aos traballos de campo, do mar, o espertar da natureza ou expulsar a invernía e os malos augurios. As fotos e vídeos do meco poderán enviarse por WhatsApp ao 609 212 230 ou no correo cultura.concello@gmail.com.

Non haberá límite de idade para participar e a persoa gañadora levará unha tableta electrónica. O prazo estará aberto ata o 2 de marzo. A resolución publicarase o venres 4 e as bases estarán dispoñibles na web municipal.

Horarios do Dolmen de Dombate

Por outra banda, o centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate amplía os seus horarios de visitas para escolares de martes a venres con obradoiros de prehistoria gratuítos. O alumnado que o desexe, a maiores, poderá desfrutar dos obradoiros os xoves e os venres.

O horario de atención será de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas e as fins de semana de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.