O Concello de Cabana de Bergantiños presentou este sábado a súa variada oferta de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o curso 2023 – 2024 nas parroquias que integran o municipio.
Obradoiros de memoria, cestería, actividade física, arranxos florais ou informática son soamente algunhas das actividades que integran a ampla oferta para este curso. As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición desde o vindeiro 4 de setembro ata o día 12, chamando ao 981 754 020 ou nas dependencias do departamento de Servizos Sociais do Concello.
Para participar é imprescindible estar en posesión do carné municipal, debendo realizarse a súa obtención ou renovación e pagamento no momento da formalización da inscrición nas actividades.
As tarifas serán de 20 euros para persoas individuais e de 36 para as familias empadroadas no municipio, mentres que os prezos para as persoas non empadroadas será de 30 euros, individual, e 45 euros, familia. As persoas maiores de 65 anos ou con diversidade funcional terán un 50% de desconto. As actividades darán comezo o luns 2 de outubro, data na que se iniciará o primeiro trimestre. O 8 de xaneiro comezará o segundo e o terceiro e definitivo está programado para iniciarse o 1 de abril.
O número máximo de prazas dependerá de cada actividade, e todas poderán ser modificadas e adaptadas en función do número de persoas inscritas.