Cabana programa actividades culturais e deportivas para todas as idades


O Concello de Cabana, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, acaba de presentar unha ampla programación cultural e deportiva para o curso 2021/22 que comezará a partir do 4 de outubro. As inscricións poderanse realizar nas oficinas municipais en horario de 10:00 a 14:00 horas. No caso da Escola de Música, as solicitudes poderanse facer o sábado 2 de outubro de 9:30 a 13:30 horas.

As clases da Escola Municipal de Teatro impartiranse no auditorio de Cabana en dúas sesións durante os martes, os mércores e os xoves para o alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria.

No caso da Escola de Música, os grupos ensaiarán na Casa da Cultura os luns, mércores, xoves e venres. Están dispoñibles as inscricións para iniciación musical, solfexo, piano, canto, batería, guitarra, gaita, percusión e frauta.

En canto ás Escolas Deportivas Municipais, organízanse actividades físicas para adultos e actividades extraescolares para o alumnado do municipio. Os adultos poderán acceder a sesións de ximnasia terapéutica, ximnasia de mantemento, pilates, ioga, aerobic, zumba, fútbol sala feminino, hockei, baile ritmos latinos ou bailes de salón.

Entre as actividades extraescolares atópanse opcións como baloncesto, patinaxe, deportes de raqueta, fútbol sala, judo, bailes de salón, ritmos latinos, ximnasia rítmica e xadrez.

Seguiranse, ademais, todas as normas sanitarias co obxectivo de previr novos contaxios por covid-19. A renovación e o pagamento do carné municipal realizarase a partir do primeiro trimestre do ano 2022 nas oficinas municipais. Toda a información, horarios e dispoñibilidade dos cursos está dispoñible na páxina web do Concello, en www.cabana.gal.