- As instalacións abrirán ó público a partir do mes de xuño e contarán con capacidade para máis de corenta persoas
O Concello de Cabana contará cun renovado albergue que apostará pola promoción do municipio e que terá capacidade para máis de corenta persoas. As instalacións inauguraranse ó público a partir de xuño e xa están programadas diversas actividades culturais e deportivas de cara o verán como kayak ou pádel.
O obxectivo da empresa concesionaria do espazo, Alalá Terra e Sons, é dinamizar as visitas ao entorno e o patrimonio cultural cabanés. As experiencias que ofrecen desde o albergue, explicou a súa xerente, Mariluz Imia Rivera, correspóndense cun “turismo de realidade”, centrado na experiencia sensorial dos visitantes.
Para iso comezouse cunha reforma integral das instalacións cunha inversión que rolda os 70.000 euros. Renováronse varios elementos como as liteiras e cargadores USB, e tamén se modificou a distribución dos tipos de habitacións.
O alcalde, José Muíño, mostrou a súa satisfacción coa próxima apertura das instalacións e “co gran atractivo que engadirá para Cabana como un destino completo”.