Cabana promove a conciliación este Nadal a través dos programas ‘Meniñeiro’ e ‘Obradoiros de lecer’


O Concello de Cabana reafirma a súa aposta pola conciliación familiar durante as festas de Nadal a través dos programas ‘Meniñeiro’ e ‘Obradoiro de lecer’, promovidos polo departamento de Servizos Sociais.

A iniciativa, financiada pola Secretaría Xeral da Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables, levarase a cabo a través de de dúas quendas en función da franxa de idade da mocidade participante.

Deste xeito, o ‘Meniñeiro’ estará dirixido para os nenos e nenas escolarizados en educación infantil e primaria, e desenvolverase na Casa da cultura en horario de 10.00 a 14.00 horas desde o 26 e o 30 de decembro, e do 2 ao 4 de xaneiro.

Pola súa parte, o ‘Obradoiros de lecer’ irá destinado para o alumnado de secundaria e terá lugar na casa do Pendón de 16.00 a 19,00 horas, soamente do 26 ao 30 de decembro.

As prazas son limitadas e cubriranse por rigurosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes será dende o 13 ó 19 de decembro, e a partir do día 22 de decembro contactarase telefónicamente coas familias dos menores admitidos.