O departamento de Cultura do Concello de Cabana segue presentando actividades para dinamizar o mes das Letras Galegas deste ano. Ademais das exposicións e obradoiros xa anunciados, Cabana organiza un campamento sobre cultura urbana e un concurso de cancións inéditas en galego con case 2.000 euros en premios.
En canto ó concurso ‘Canta&Arte’, trátase dun certame dirixido a todas as persoas residentes en Galicia, sen límite de idade, que deberán facer unha proposta dunha canción inédita en lingua galega. Será de temática libre e cunha duración máxima de 4 minutos.
Haberá unha categoría individual e outra grupal con tres premios en metálico en cada unha. No caso da individual, irán desde os 300 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 para o terceiro. Na grupal serán 600 euros para o primeiro clasificado, 350 para o segundo e 150 para o terceiro.
O prazo para participar abrirase o vindeiro 3 de maio e finalizará o 31 de maio. Poderanse enviar as cancións en formato de audio ou de vídeo a cultura.concello@gmail.com. No caso do campamento ‘Urban&Arte’, este celebrarase os días 15, 16, 17 e 18 de maio e estará destinado á rapazada de entre 12 e 16 anos. De man da Vella Escola Cultura Urbana, poderán coñecer a práctica de diferentes disciplinas deportivas, artísticas e musicais como o ‘parkour’, o ‘beatbox’, o ‘breakdance’ ou o ‘slackline’, entre outras.
O campamento realizarase en horario de 17:00 a 20:00 horas na Praza do Pendón. Participarán grupos reducidos e o prazo para inscribirse estará aberto do 3 ao 13 de maio. Habilítase o teléfono do departamento de Cultura de Cabana, 981 754 020, para atender as solicitudes.