O Concello de Cabana de Bergantiños conmemorou este xoves o 186 aniversario do nacemento da poeta Rosalía de Castro, unha figura chave na defensa do idioma e da cultura galega.
Desde primeira hora da mañá, as integrantes de Son de Cabana déronlle comezo á xornada coa elaboración do popular ‘caldo de gloria’, ao que lle dedicou un poema a autora compostelá.
A continuación, a Escola de Vela acolleu un acto de divulgación cultural no que se puxo de manifesto a importancia que tivo Rosalía de Castro como unha das grades referencias do Rexurdimento en Galicia.
As mulleres de Son de Cabana trasladaron os seus versos ao eido musical coa interpretación dun poema de Rosalía musicado por Silvia Losada. Pola súa parte, unha delegación da Asociación Íntegro efectuou unha lectura de poemas con música de fondo, mentres que representantes da xunta local de Cabana da Asociación Contra o Cancro e de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro optaron por recitar algúns dos versos máis sobranceiros da autora como os do poema Eu cantar, cantéi .
Pola súa parte, o alumnado da escola municipal de teatro realizou unha interpretación na que se recreou a vida da poeta e a súa relación sentimental co seu marido, o tamén escritor Manuel Murguía.
Á xornada tamén se sumou a voz da poeta cabanesa Matilde Vilariño quen homenaxeou a Rosalía a través da lectura dun poema que ela mesma escribiu na honra da compostelá.
Como peche ao acto, procedeuse á degustación do caldo de gloria e fíxose entrega a todas as persoas asistentes dun marcapáxinas conmemorativo, en cuxo reverso se inclúen os versos do poema Miña Casiña, meu lar, no que se explica a elaboración desta receita.