Cabana reforza a súa flota municipal cun vehículo eléctrico máis sostible

1 minutes read

O  Concello de Cabana de Bergantiños incorporou un novo turismo á súa flota municipal para prestar servizo na área de vías e obras. Trátase dunha furgoneta 4×4 eléctrica enchufable, coa etiqueta ambiental de cero emisións, que reforza o compromiso do goberno local coas enerxías limpas e coa redución da pegada de carbono.

A adquisición estivo financiada mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con cargo á Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU (programa DUS 5000). Con esta incorporación, o Concello mantén o seu compromiso coa redución de emisións e coa aposta polas enerxías renovables, substituíndo un dos vehículos da flota actual, consumidor de combustible fósil, por outro 100 % eléctrico, que permitirá diminuír a contaminación, o impacto acústico e os custos de mantemento.

Deste xeito, o goberno local continúa avanzando cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible, a través de iniciativas como a implantación de puntos de recarga para vehículos eléctricos, pioneira na Costa da Morte, ou o proxecto de creación dunha comunidade enerxética na Carballa para reducir o consumo enerxético municipal.

O alcalde, José Muíño, subliñou que “este novo turismo permítenos ser consecuentes cunha das nosas liñas de traballo prioritarias: a aposta pola sustentabilidade e o autoabastecemento”.