Cabana | Renovada a tubaxe de abastecemento do depósito do Picón, en Cesullas

O Picón, Cesullas_Concello de Cabana

  • O proxecto, valorado en 48.000 euros, foi cofinanciado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

O Concello de Cabana rematou os traballos de mellora do depósito do Picón, na parroquia de Cesullas, que incluíron a retirada dun treito de 465 metros de tubaxe que xa precisaba unha renovación. O proxecto, valorado en 48.000 euros, foi cofinanciado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. O alcalde, José Muíño, destacou que esta renovación permite «asegurar un servizo básico á veciñanza, sobre todo en períodos de seca».

A rede xeral de abastecemento de auga de Cabana de Bergantiños componse dun sistema complexo integrado por dúas redes interconectadas, a de Cesullas e Canduas, para dotar de auga potable á poboación. Ademais, o municipio conta cunha rede independente en Rempenín para abastecer os núcleos interiores.

Esta actuación únese á mellora executada na estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Lodeiro, na que se puxo en marcha o tratamento de residuos mediante raios UV e na que se modernizou totalmente o funcionamento das instalacións.