Cabana renovará o alumeado público en todas as parroquias por case un millón de euros

1 minutes read
  • O proxecto, que conta cunha subvención do IDAE, está valorado en máis de 940.000 euros

O Concello de Cabana de Bergantiños efectuará a renovación do alumeado público das parroquias de Canduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundíns, Silvarredonda, Riobó, Nantón, Anos e Corcoesto a través dunha subvención do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, e nun proxecto que contará cun orzamento de 946.996,75 euros.

Actuarase en 2.745 dos 3.001 puntos de luz existentes no municipio -o resto están renovados- substituíndo así as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED, máis eficientes e coas que se conseguirá un aforro estimado dun 66,93%.

O obxectivo prioritario desta actuación é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, á vez que se “mellorará a visibilidade en todos os puntos nos que se interveña”, asegura o alcalde, José Muíño.

Desde o goberno local salientan a importancia dunha actuación deste calado que, ademais de supoñer un aforro para as arcas municipais, incrementará o benestar e a seguridade tanto de peóns como de condutores en todo o termo municipal.