Cabana retoma este sábado a ‘Tarde-Noite do Medievo’ de Riobó

1 minutes read

Ás 18:00 horas terá lugar unha camiñada ata a Torre da Penela coa escenificación “Terra de raíñas” a cargo do grupo Os Quinquilláns. A saída efectuarase diante da igrexa co grupo musical Os Repichocos.

Durante toda a tarde a veciñanza e turistas poderán gozar de paseos a cabalo, xogos tradicionais do Museo Etnolúdico de Galicia, degustación permanente de pratos relacionados coa época medieval como filloas, bolos preñados, churrasco, espitas de cervexa e queimada, exposicións e demostracións artesanais e ao vivo que inclúen cestería, carpintería, cartón pedra, pintura, obras con tellas, gancho, entre outras, ou a actuación de variados grupos musicais.

Será o preludio ao pregón, programado ao redor das 20:15 horas, que este ano recae en mans de Irma Macías, vocalista da agrupación Luar na Lubre.

Os casamentos comezarán ás 20:30 horas coa coordinadora de Cultura do Concello de Cabana, Silvia Losada, como mestra de cerimonias.

Tras a realización dos enlaces, sobre as 21:00 horas, dará comezo o convite ‘A pitanza do santo’, onde as persoas asistentes poderán degustar pan e queixo como se facía antigamente na Romaría de San Brais do Folgoso. Todo acompañado dunha nova actuación de O Son do Castro. Acto seguido terá lugar o espectáculo de Animacreques Catropés.

Pola noite a música será a protagonista cos concertos dos grupos Arredores e A banda de Balbina.