Cabana retoma o proxecto de renovación do alumeado público

PIXABAY

  • A actuación está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) cun importe de 757.600 euros

O Concello de Cabana retomou esta semana o proxecto de renovación de todo o sistema de iluminación exterior do municipio valorado en máis de 1,6 millóns de euros de orzamento. Do total, 757.600 euros son cofinanciados polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

O rexedor cabanés, José Muíño, sinalou que este plan é «unha das actuacións máis importantes en Cabana dos últimos anos» permitindo substituír 2.745 dos 3.001 puntos de luz existentes, xa que os restantes foran renovados en proxectos anteriores. Será unha renovación «integral que afectará á rede de cables e que permitirá reducir o número de cadros eléctricos», engadiu. Actuarase nas parroquias de Canduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundíns, Silvarredonda, Riobó, Nantón, Anos e Corcoesto.

O novo sistema de iluminación contará con tecnoloxía LED, o que conformará unha rede máis eficiente e cun aforro enerxético estimado do 66,93% con maior potencia de iluminación. Un dos obxectivos desta actuación pasa por favorecer o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.