A enseada do Orzán acolleu esta fin de semana a trixésimo quinta edición do trofeo Teresa Herrera de traiñeiras na categoría masculina e a quinta na feminina. Este trofeo incluíu a décimo terceira bandeira de traiñeiras masculina e a segunda bandeira feminina, da que saíron vencedoras na categoría feminina a embarcación Cabo de Cruz e na categoría masculina a Samertolameu. O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, e a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participaron na entrega dos trofeos que se desenvolveu na zona do Paseo Marítimo coñecida como o Terreo dos Mariño.
A titular de Deportes, Mónica Martínez, sinalou que se trata dun evento máis co noso mar como protagonista, «unha cuestión fundamental para o Goberno de Inés Rey, que quere involucrar a cidadanía na práctica dos deportes náuticos».
Esta cita, que lle pon fin á liga galega de traiñeiras, congregou na Coruña un total de 23 tripulacións masculinas e 8 femininas.
