Cada galego reciclou o ano pasado unha media de case 30 quilos de envases lixeiros e papel-cartón, 6,4 quilos máis que hai cinco anos, unha tendencia positiva que se enmarca no traballo conxunto desenvolvido pola Xunta de Galicia e Ecoembes para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da Comunidade.
Este foi un dos principais datos do balance que realizaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o xerente de Ecoembes en Galicia, Fernández Blázquez, que deron a coñecer as principais cifras de reciclaxe das diferentes tipoloxías de envases correspondentes á anualidade 2021.
Cómpre subliñar que para facilitar a separación en orixe dos envases lixeiros e do papel e o cartón, os galegos dispoñen de 37.900 contedores amarelos e de 14.900 azuis repartidos por toda Galicia, ademais de contar con 1.900 puntos de reciclaxe instalados en lugares de gran afluencia, como poden ser centros deportivos, oficinas, bares ou restaurantes.
En concreto, os cidadáns depositaron de media 14,9 quilos de residuos no contedor amarelo —destinado á recollida de recipientes de plástico, latas e briks— e outros 14,9 quilos no azul —reservado para o papel e o cartón—.
En canto á comparativa interanual, a taxa de reciclaxe por habitante creceu un 2% no caso dos envases de plástico, latas e briks. A conselleira explicou que para entender a relevancia deste dato cómpre ter en conta o “contexto”, xa que vén precedido dun ano 2020 “no que se bateron récords” polo efecto positivo que tiveron a covid e os períodos de confinamento nos hábitos dos galegos, que separaron “máis e mellor que nunca”.