Cae un guindastre de obra no Porriño e ningunha persoa resulta ferida

1 minutes read
  • Dous operarios tiveron que ser trasladados ao centro de saúde debido a unha crise de ansiedade

A caída dun guindastre mobilizou na mañá deste martes aos servizos de emerxencia na localidade pontevedresa do Porriño. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida aínda que dous operarios tiveron que ser trasladados ao centro de saúde da súa localidade por unha crise de ansiedade.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso ao redor das 10:45 horas, a través da chamada de varios particulares que informaban da caída dun guindastre sobre un edificio e unha capela situada na Rúa Ramón González, descoñecendo se había persoas feridas.

Axentes da Policía Local comunicaron que o guindastre non estaba en servizo no momento do accidente e que a máquina ao caer quedou apoiada sobre un edificio, causando danos ao inmoble, á capela situada ao seu carón e a un muro próximo.

No operativo participaron membros do 061, os Bombeiros do Baixo Miño, axentes da Policía Local e da Garda Civil, e efectivos de Protección Civil.