Unha ambulancia sufriu un accidente de tráfico ao caer a un río no concello coruñés de Touro, con cinco persoas no seu interior, segundo informa Urxencias Sanitarias e Emerxencias 112.
O accidente, debido a unha saída de vía, ocorreu contra as sete da mañá deste martes á altura de Bendaña. As cinco persoas que ían na ambulancia para un tratamento de diálise, de entre 54 e 77 anos, estaban accesibles tras o sinistro se ben precisaron asistencia médida.
O 061 enviou dúas ambulancias asistenciais ao lugar do accidente, onde atenderon a dous homes de 77 e 74 anos, e a dúas mulleres de 75 e 60 anos, que foron trasladados ao Hospital Clínico de Santiago. Así mesmo, asistiron un home de 54 anos, que foi derivado á Clínica Souto Boo.
Tráfico investiga as causas do accidente. O condutor da ambulancia deu negativo no control de alcolemia.