A fachada dun edificio derrubouse no barrio de Esteiro, en Ferrol, concretamente na rúa Carlos III. Estaba apontoado e cunha chapa para evitar posibles desprendementos dos pisos superiores.
Os bombeiros centran o seu traballo na zona para despexar a vía onde se amontoaban os restos do edificio. Desde o Concello de Ferrol confirman que o incidente non provocou danos persoais.
A borrasca Gerard deixa un regueiro de incidencias na zona, como caídas de árbores. O temporal provocou refachos de vento de 125 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira. Esta situación meteorolóxica foi a culpable dunha caída dunha árbore no Cantón de Molíns, na cidade de Ferrol.
A concelleira de Servizos de Ferrol, Ana Lamas, desprazouse ata o Cantón para supervisar os traballos de retirada das árbores, explicando que o exemplar atopábase en bo estado e tiña o mantemento ao día. Segundo comentou, o problema podería estar nas súas raíces, que se puideron ver afectadas polas obras realizadas na zona nos últimos anos.