Caión acollerá a exposición de pintura intuitiva de Maribel Castiñeira (XMÑ)


De alma a alma é o título da exposición composta por unha vintena de cadros de Maribel Castiñeira (XMÑ) que estará aberta ao público no centro sociocomunitario de Caión desde este venres e ata o 18 de febreiro.

Residente no lugar de Xermaña –motivo polo que firma os cadros como XMÑ-, na propia vila de Caión, Maribel despregou as súas inquietudes artísticas especialmente nos últimos dous anos, coincidindo coa pandemia do coronavirus, cando, animada por unha sobriña que traballara profesionalmente en varias galerías de arte, decidiu dedicarlle máis tempo á afección pola pintura que descubrira tempo atrás grazas á practica do Hoʻoponopono, unha tradición hawaiana dirixida á resolución de problemas interpersonais.

Maribel encadra a súa obra baixo o concepto de pintura intuitiva, xa que no momento de empezar a pintar non ten unha idea previa sobre as cores que empregará nin cal será o produto final, senón que pretende plasmar o seu estado de ánimo nese instante concreto. A maior parte da súa obra é pintura acrílica sobre papel.

Esta será a súa segunda mostra trala experiencia en Arteixo de hai agora un ano. Ademais, dúas das súas obras están expostas na galería de arte Gálicca Internacional de Santiago de Compostela e outra foi doada pola autora para recadar fondos para os afectados polo volcán de La Palma.

A exposición será inaugurada –coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela- este venres ás 18:00 horas e o horario de apertura ao público ata o 18 de febreiro será de luns a venres de 17:00 a 20:00 horas.