O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Educación, Patricia Bello, e o edil Pablo Cambón mantiveron unha reunión de traballo no Centro Sociocomunitario de Caión co director do Centro de Formación e Recursos da Coruña, Emilio Veiga, o asesor de formación José María Varela, e o presidente da asociación Ponte… nas ondas!, Santi Veloso. O motivo do encontro foi avanzar na organización dun programa de radio escolar que se prevé celebrar o vindeiro 24 de abril na propia vila costeira.
Ponte… nas ondas! é unha asociación cultural e pedagóxica que desde 1995 desenvolve actividades educativas e culturais en Galicia e no norte de Portugal, promovendo a identidade cultural común e traballando na recuperación e difusión do patrimonio compartido. A radio escolar constitúe un dos seus piares fundamentais ao considerala unha ferramenta accesible e de grande potencial educativo tanto para o alumnado como para o profesorado.
Durante a reunión celebrada en Caión púxose en valor o importante grao de implantación da radio escolar nos centros educativos, así como o papel do Centro de Formación e Recursos da Coruña -dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional- na dinamización e fomento da formación docente. Partindo deste recurso pola súa relevancia didáctica e pedagóxica, Ponte… nas ondas! promove a realización dun programa de radio en directo no que participarán centros de ensino de toda a comarca de Bergantiños, da Costa da Morte, dalgúns outros puntos de Galicia e de localidades do norte de Portugal como Porto, Moncao e Viana do Castelo.
O programa, previsto para o 24 de abril, emitirase en directo desde o propio Centro Sociocomunitario e poderá seguirse -ademais de presencialmente- tanto a través de YouTube como en formato podcast. Cada centro participante acudirá cun elemento cultural representativo da súa contorna co obxectivo de poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de cada territorio e favorecer o intercambio cultural entre o alumnado.
Como complemento á actividade radiofónica, está previsto que o alumnado participante realice visitas a distintos puntos de interese cultural do termo municipal da Laracha, enriquecendo así a experiencia educativa e favorecendo o coñecemento do territorio.
O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que “para o Concello da Laracha é un auténtico orgullo que Caión poida acoller unha iniciativa destas características que une educación, cultura e participación infantil, e que convertirá a nosa vila nun punto de encontro para a rapazada galega e portuguesa arredor do patrimonio e da comunicación”.