Caión acollerá este venres unha xornada de radio escolar con 300 alumnos de 9 centros

O Concello da Laracha está a ultimar os preparativos para acoller este venres, día 24 de abril, no Centro Sociocomunitario de Caión a iniciativa Ponte… nas ondas! Será unha xornada de radio escolar na que participarán arredor de 300 alumnos pertencentes a nove centros de ensino, catro deles do termo municipal da Laracha.

O programa poderase seguir en directo por streaming desde as 9:30 horas a través da canle de YouTube do Concello da Laracha. A ligazón poderá atoparse, tamén, nas redes sociais municipais. Está prevista a presenza do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, en representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Os centros participantes serán o CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas, IES Agra de Leborís, IES Eduardo Pondal, CEIP Gándara-Sofán, CEIP As Forcadas, CPI Cabo da Area e IES Parga Pondal. Cada un deles contará cun espazo de entre 20 e 30 minutos para a realización e emisión dos seus contidos radiofónicos, que estarán centrados no patrimonio material, inmaterial e histórico, entrevistas, actuacións artísticas (musicais e teatrais).

Ademais, a xornada completarase para os alumnos con visitas guiadas ao museo do Arquivo da Pesca de Caión, co obxectivo de enriquecer a experiencia educativa e fomentar o coñecemento do patrimonio local.

A iniciativa enmárcase nunha acción conxunta promovida por Ponte… nas ondas!, que se desenvolverá de maneira simultánea noutras nove localizacións de Galicia e do norte de Portugal: Vimianzo, Ourense, Vigo, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo, Allariz, Valença e Viana do Castelo. En total, participarán 88 centros educativos nunha proposta que combina comunicación, educación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico.

Related posts

PSOE e BNG levarán de novo ao pleno da Deputación da Coruña unha moción para reclamar a gratuidade da AG-55

Un incendio nun terceiro piso obriga a desaloxar un edificio de catro plantas no centro de Carballo

A USC escolle por segundo ano consecutivo a Brandomil como referente dun xacemento romano