O próximo xoves (2 de outubro) ás 19:30 horas o Centro Sociocomunitario de Caión acollerá a estrea do documental Os Oficios Tradicionais, unha iniciativa do Concello posta en marcha dentro do programa A Memoria da Laracha, que ten por dobre obxectivo a prevención da soidade non desexada entre o colectivo das persoas maiores e recuperar os recordos, historias e tamén material gráfico e documentos de interese para a súa posta en valor como elementos destacados do patrimonio cultural do municipio.
A proxección do documental vai dirixida a todos os públicos, con entrada libre e gratuíta.
Os oficios tradicionais foi producido polo escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras e o realizador audiovisual larachés Raúl Lorenzo. É o froito dos encontros realizados durante os últimos meses nas parroquias de Golmar, Caión, Soandres e Montemaior, nos que veciños e veciñas colaboraron achegando información, documentos e imaxes sobre os oficios tradicionais, ademais de relatos sobre lendas e medicina popular que quedaron recollidos para futuros traballos.
A proxección será con entrada libre e gratuíta, dirixida a toda a veciñanza.
O Concello lembra tamén que aquelas persoas que poidan aportar novos datos, historias, material, etc. sobre medicina, lendas ou calquera outro tema que consideren de interese, poden facelo a través do Departamento de Servizos Sociais, chamando ao 981 612 811 ou enviando un correo a servizos.sociais@alaracha.es. Poderán ser empregados en futuros documentais, proceso no que tamén se realizarían novos encontros coa cidadanía noutras parroquias.
O programa A Memoria da Laracha conta coa colaboración e financiamento da Deputación da Coruña.