Caión acollerá os campionatos galegos de surf

A praia de Caión volverá ser a capital galega do surf esta fin de semana ao acoller os campionatos autonómicos de todas as categorías dos circuítos masculino e feminino de surf, bodyboard, longboard e paddle surf. O evento é organizado por Caión Surf School e a Federación Galega de Surf coa colaboración do Concello da Laracha e a Xunta de Galicia e o patrocinio de ABANCA, Xacobeo 2021, GADIS, TSP The Surfeiros Piratas, yatecomeré, Hisurf , Deleitar, Line Up , Agua Sana  e Deporte Galego.

A inscrición permanece aberta, pero a estimación é que se dean cita en Caión máis de douscentos competidores ao longo de toda a fin de semana, na que o estado da mar determinará os horarios de celebración das 16 probas das diferentes modalidades e categorías (desde sub 12 ata master).

Os resultados do evento que se celebrará en Caión serán determinantes para decidir quen serán os representantes galegos en cada unha das disciplinas no vindeiro Campionato de España.

Por tanto, por segundo ano consecutivo os mellores surfistas galegos se citarán en Caión nunha competición que promete ofrecer un gran espectáculo deportivo durante os tres días do evento nunha das mellores praias galegas para a práctica deste tipo de disciplinas deportivas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha