Caión acolleu a estrea do videoclip da canción da Música das Baleas


O grupo A Música das Baleas estreou este xoves no Ceip de Caión o viceoclip da canción “A peor xogada”, gañadora do certame Quero Cantar de música infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O deputado de Cultura, Xurxo Souto, participou no acto de presentación no centro do que proceden os membros da banda infantil.

A Música das Baleas é un grupo formado no Ceip de Caión polo mestre de Música Jose Carballido e por alumnado integrante do coro deste centro escolar que coa súa canción A peor xogada gañou na categoría infantil a pasada edición do certame Quero Cantar. A banda estreou o videoclip que se produciu polo propio premio no seu colexio que se vestiu de festa e abriu as súas portas para celebrar a presentación do traballo.

Xurxo Couto, destacou a importancia de estimular o talento que crece hoxe en día nos centros educativos. Ademais, quixo “recoñecer e salientar o gran esforzo que as nenas, os nenos, o profesorado e tamén as familias realizan neste tipo de proxectos; ese traballo acaba regalándonos a todos creacións tan fermosas como A peor xogada”.

Durante o acto o grupo volveu interpretar en directo o tema gañador. Posteriormente abriuse un coloquio no que as nenas e nenos amosaron a súa soltura respondendo numerosas preguntas formuladas por compañeiras e compañeiros, medios de comunicación e outros membros da comunidade escolar.