Caión acolleu a primeira das tres xornadas de lecturas educativas con cans

1 minutes read

No marco do programa Outono de contos organizado polo Concello da Laracha co propósito de fomentar a lectura entre os máis cativos, neste ano incluíuse como novidade a lectura educativa con cans.

Trátase dunha iniciativa que ten por obxecto mellorar as habilidades de lectura dos nenos de entre 5 e 11 anos de idade mediante a intervención de cans especialmente adestrados para establecer con eles unha conexión emocional e relacionarse co lector segundo as súas necesidades.

Este venres na biblioteca do centro sociocomunitario de Caión desenvolveuse a primeira das tres xornadas previstas. A seguinte será en Paiosaco o venres da próxima semana entre as 17:30 e as 19:30 horas. As últimas prazas dispoñibles outorgaranse por orde de inscrición na biblioteca desa localidade.

O 11 de novembro será a terceira e última cita na biblioteca da Laracha. As prazas xa están cubertas, pero as persoas interesadas aínda poden anotarse na lista de agarda.

Obradoiro para bebés

Outro dos eventos previstos no programa Outono de contos é o obradoiro para bebés Arrolos, de Mamá Cabra, que tivera que aprazarse por causas alleas ao Concello. A nova data é o domingo 6 de novembro a partir das 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha, con entrada libre e gratuíta.