A programación completa estenderase ata finais de setembro por diferentes espazos ao aire libre e auditorios para compoñer un calendario de encontros festivos co público en 15 vilas de diferentes municipios entre os que se atopan Caión, na Laracha, e Carballo. Xacarandaina estará con Danza 3 en Carballo o día 16 de xullo e en Caión o día 18. Serán 12 citas centradas na danza e outras tres na música, nas que as formacións artísticas Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina, exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio e nas que buscarán implicar os viandantes. Coa edición de 2021 de Danza 3, colabórase por noveno ano consecutivo co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para darlle visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.
39
