Caión estrea dous novos murais artísticos no paseo marítimo e no Rueiro das Figueiras

Faino co propósito de embelecer a vila e reforzar a súa identidade mariñeira. Este domingo ás 11:30 horas serán presentados polas súas creadoras nun acto aberto a toda a cidadanía, no que ademais de presencialos poderán coñecer a explicación dos contidos dos deseños e dos procesos de elaboración artística.

O mural da baixada ao paseo marítimo desde a rúa da Torre, xunto á Confraría de Pescadores, localízase nun punto estratéxico da vila. Algario de Caión foi creado por Carola Sánchez. A composición mestura grafismo orgánico e figurativo inspirado no mar, cunha escena central que evoca a recollida do golfe, as algas autóctonas de Caión que foron durante xeracións aproveitadas polas familias da vila como recurso económico e agrícola.

Pola súa parte Ana Santiso realizou As redeiras de Caión na fachada dunha vivenda do Rueiro das Figueiras. O seu mural, pintado en tonalidades azuis, evoca ao antigo Caión e rende homenaxe á memoria mariñeira e ás súas protagonistas.

Esta iniciativa do Concello faise dentro do programa O mar de Caión, un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro co apoio da Consellería do Mar, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, e co cofinanciamento da Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

Dentro deste mesmo proxecto, hai agora un ano presentáranse outros dous murais na fachada dun edificio da Avenida da Laracha e na grúa do porto. Ademais, neste mes de setembro estreáronse as letras corpóreas de Caión e a ruta Self-Caionízate, e realizáronse actividades de educación ambiental dirixidas a todos os públicos.

Related posts

Vimianzo conmemorará o Día Internacional das Persoas Maiores cunha semana de actividades interxeneracionais

O PSOE de Coristanco denuncia que se está vetando o debate das súas mocións presentadas no Pleno

A Agrupación Deportiva Un Paso Máis impulsa o Xadrez Educativo no CEIP Plurilingüe A Gándara – Sofán