- As funcións representaranse todos os venres e a entrada será gratuíta
A vila de Caión, no concello da Laracha, estreará a próxima semana Teatro con salitre, o primeiro ciclo de teatro que se desenvolverá nas instalacións do centro sociocomunitario. O programa constará de tres funcións que terán lugar nos próximos tres venres, sempre a partir das 21:00 horas e con entrada gratuíta para o público.
O venres 11 ábrese o pano con Asinaria, unha versión da comedia clásica de Plauto a cargo de Corzo Producciones e dirixida ao público adulto e adolescente (maiores de 14 anos de idade).
O día 18 será a quenda para Crime desorganizado, da Agrupación Teatral Mariñán. Trátase dunha comedia policiaca na que se investiga un asasinato cun desenlace irónico e inesperado.
O ciclo pecharase o venres 25 con Operación coroa, da Asociación Cultural Faíscas, comedia na que un grupo de mulleres aproveitan a visita da raíña de Inglaterra para dar un golpe que remate coa súa precaria situación económica.