Caión tamén se sumou á campaña informativa sobre a reciclaxe do aceite doméstico

Campaña informativa de aceite en Caión_Concello da Laracha

  • O próximo mércores o caseto situarase xunto ao centro de saúde da Laracha

Durante este mércores a praza Eduardo Vila Fano acolleu a caseta informativa da campaña que está a desenvolver o Concello da Laracha para potenciar o reciclado de aceites domésticos. Entre as 10:30 e as 13:30 horas repartíronse funís de xeito gratuíto entre a cidadanía para facilitar a separación do aceite de cociña e o seu posterior tratamento. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Rocío López, acudiron ao posto para interesarse polo desenvolvemento desta iniciativa. Ademais, aproveitouse a campaña para continuar informando sobre o programa Ti tes a chave sobre o uso dos contedores marróns da quinta fracción de orgánicos.

Antes de chegar a Caión, este caseto informativo tamén visitou nas últimas semanas a feira de Paiosaco e a praza do Concello. O próximo venres, no mesmo horario, instalarase arredor do centro de saúde da Laracha.

Esta acción lévase a cabo despois de poñer a disposición da cidadanía un total de doce colectores para o depósito de aceite doméstico, de cor laranxa e facilmente identificables, que foron instalados en puntos estratéxicos das vilas da Laracha (Avenida Fisterra, rúas Río Acheiro, Lino Gómez Canedo, Santa Lucía, Rosalía de Castro, Luis Martínez Vázquez e Epifanio Campo xunto ao centro médico, así como na estrada AC-552 á altura das Torres de Cillobre), Paiosaco (campo da feira), Caión (Avenida da Laracha e rúa Campo da Ínsua) e na urbanización Monte Claro no Cancelo do Medio (parroquia de Cabovilaño).