Calidade e profesionalidade coruñesa no Fórum Gastronómico de Barcelona


A área de Turismo da Deputación da Coruña iniciou o seu programa de showcookings no marco do Fórum Gastronómico de Barcelona da man do cociñeiro Iván Domínguez do restaurante NaDo de A Coruña e da cociñeira Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa de Carballo. Un programa que desde a área de Turismo da institución provincial se deseñou co obxecto de poñer en valor a profesionalidade dos cociñeiros e cociñeiras da provincia, a boa calidade do produto e da materia prima culinaria, e a promoción dos xeodestinos asociándoos á súa gastronomía.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira destaca que este programa representa “un compromiso co territorio, nomeadamante cos produtores e produtoras, e amosa unha cociña slow, de kilómetro cero e baseada na economía circular”.

O cociñeiro coruñés presentou unha degustación denominada “NaDO, a edificación dun concepto anclado ao territorio”, na que ofreceu tres pratos: mexillón, escabeche emulsionado e leituga de mar; fabas de Lourenzá “sen ameixas” de Carril; e salmonete asado con xugo de espiñas e pementos de ‘Calabacín Rojo’.

Rocío Martínez aproveitou para situar a Costa da Morte, as lonxas de Malpica e Laxe e a feira de Carballo como puntos estratéxicos na venda de produtos propios da comarca de Bergantiños, entre os que sinalou a pataca fina de Carballo, os grelos e as fabas de Cabana. En relación a estes produtos, elaborou unha receita de xurelo curado en auga de mar con ceboliñas encurtidas e figos de tempada, e outra de polbo con pataca fina de Carballo, grelos e fabas.

O stand da Deputación promocionou, entre outras ofertas turísticas da provincia, o Castelo de Vimanzo a través da degustación de bica realizada por panadeiros e pasteleiros deste Concello para vincular unha experiencia gastronómica ao Castelo e complementar os seus valores culturais e patrimoniais.