Calvo Xiria enfróntase este sábado na casa ao Disiclin Balonmán Lalín

2 minutes read
  • O Pavillón Vila de Noia de Carballo acollerá este sábado 29 de novembro ás 20:00h un dos clásicos do balonmán galego na Primeira Estatal (Grupo A).

O Calvo Xiria chega a esta cita na casa nun excelente momento de forma, despois de sumar tres vitorias nos seus últimos catro partidos, incluíndo o recente triunfo a domicilio ante A Cañiza. O equipo dirixido por Adrián Dubra está a facer do Vila de Noia un auténtico fortín, onde conseguiu vitorias contundentes ante Tacoronte e Reconquista, ademais dun valioso triunfo ante o Lirón Teucro. O conxunto carballés demostra ser un equipo con gran capacidade ofensiva, especialmente nos partidos na casa, e cunha defensa que está a gañar en solidez. O seu balance sitúao nunha posición cómoda, pero precisa desta vitoria para non descolgarse da zona media da táboa.

Pola súa banda, o Disiclín Balonmán Lalín está a ter unha tempada máis irregular, con resultados que non terminan de asentalo nunha zona media da táboa. O equipo vén de sufrir unha dura derrota na casa ante o BM Culleredo e o Gáldar. A pesar destas caídas, o Lalín é un rival sempre perigoso, capaz de lograr un valioso empate ante o Bueu e vitorias importantes no seu pavillón ante o Porriño e o Ourense. O seu xogo caracterízase pola súa fortaleza física e a experiencia dos seus xogadores, polo que é un equipo que nunca se rende.

Este encontro antóllase moi igualado, no que o Calvo Xiria buscará apoiarse no factor Vila de Noia e no seu bo momento de forma. A clave para os de Carballo estará en manter a súa eficacia defensiva para frear o ataque do Lalín e en non cometer erros de precipitación no ataque, aproveitando a velocidade nas transicións. Se o Xiria impón o seu ritmo dende o asubío inicial, terá grandes opcións de conseguir dous puntos moi importantes para seguir escalando posicións na clasificación.