Camariñas | 83 persoas con discapacidade poderán gozar de travesías no veleiro de Cogami ata o 19 de setembro

O veleiro Laion, embarcación cedida en garda e custodia á asociación ADISBISMUR (entidade membro de COGAMI), volve izar velas para ofrecer a experiencia da navegación a vela a persoas con discapacidade. Nesta nova edición do proxecto Galicia Vela Adaptada (GAVEA), un total de 83 persoas poderán participar nas travesías programadas na ría de Camariñas entre o 9 e o 19 de setembro.

O proxecto, iniciado no ano 2002 trala cesión do veleiro incautado ao narcotráfico, conta con adaptacións específicas que facilitan o acceso e a participación de persoas con mobilidade reducida. Entre elas destacan un guindastre na botavara para embarcar desde o pantalán e un winche eléctrico con pulsador que simplifica o manexo das velas.

Con base no porto de Muxía, as travesías, sempre que o tempo o permita, desenvolveranse en quendas de mañá (11:00-14:00 h) e de tarde (16:00-19:00 h). Cada saída contará con cinco persoas participantes acompañadas por monitorado, procedentes de diferentes entidades e centros de COGAMI de toda Galicia: Lugo, Santiago, Val do Dubra, Muros, Ourense, Ribeira, Cabana de Bergantiños, Arzúa, Silleda e A Coruña.

Calendario de participación

Martes 9 de setembro: Asociación ALUCEM (Lugo), na quenda de mañá.

Mércores 10: Asociación AVANTE (Val do Dubra), na quenda de mañá.

Xoves 11:  Asociación ADISBISMUR (Muros), nas quendas de mañá e tarde.

Venres 12: Persoas usuarias do programa de autonomía de COGAMI no CEGADI de Santiago (mañá) e asociación AIXIÑA de Ourense (tarde).

Martes 16: Asociación AMBAR (Ribeira), pola mañá, e persoas usuarias do programa de COGAMI no CEGADI (tarde).

Mércores 17: Asociación ÍNTEGRO (Costa da Morte), nas quendas de mañá e tarde.

Xoves 18: Asociación AMARAI (Arzúa e Terra de Melide) na quenda de mañá.

Venres 19: Centro de atención diúrna de Medelo (Silleda), pola mañá, e asociación ALCER Coruña, na quenda de tarde.

Para poder levar a cabo esta experiencia, o proxecto GAVEA conta coa colaboración da Deputación da Coruña e tamén de fondos do 0,7% d IRPF das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, que xestiona a Xunta. Ademais, conta coa colaboración da asociación Cataventos, a través das persoas voluntarias Noemí Bermúdez, Marcos Trillos, Carlos Fernández e Aurelio Trillo. Dende COGAMI agradecemos esta colaboración desinteresada porque permite  desenvolver este programa, un proxecto tanto achega a navegación ás persoas con discapacidade como tamén contribúe na sensibilización, concienciación e inclusión social.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño