Camariñas | A Casa do Maior de Xaviña xa é unha realidade

1 minutes read
  • Este servizo, financiado pola Xunta, atópase no antigo colexio do lugar

O antigo colexio de Xaviña, no municipio de Camariñas, xa funciona como Casa do Maior. A Consellería de Política Social aprobou o proxecto presentado por unha das empresas que respondeu á oferta do Concello, que poñía a disposición dos veciños dúas aulas da planta baixa do edificio nas que albergar este servizo.

Este tipo de centros, que permiten achegar ao rural iniciativas similares aos Centros de Día, están financiados integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas publicada no mes de marzo.

A Casa do Maior de Xaviña conta con todo tipo de instalacións: cociña equipada, espazos de lecer, zona de descanso ou a posibilidade de facer actividades no exterior. Ata cinco persoas poderán desfrutar deste servizo de xeito gratuíto así como dunha atención continuada de 8 horas, de luns a venres, podendo mesmo comer no local.

Os usuarios interesados teñen que ser derivados a través de Servizos Sociais despois da valoración pertinente; aínda que tamén está aberto a persoas que se atopen en situación de soidade ou illamento se así o considera o traballador social.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, destacou que este tipo de iniciativas son «moi necesarias e demandadas» xa que «achegan servizos esenciais ao rural, fomentado a autonomía das persoas maiores».