Camariñas | A Mostra do Encaixe une a Susi Gesto e Uxía Rodríguez na 43ª edición do Día do Traxe Galego

1 minutes read
  • O evento terá lugar este sábado, 30 de xullo, na santiaguesa praza de Mazarelos.

As pasarelas de ‘ArtEncaixe’ e de Noveis Deseñadores da Mostra de Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña propicia unha innovadora colaboración entre a artesá Susi Gesto e a deseñadora Uxía Rodríguez.

Este sábado, 30 de xullo, as artistas reuniranse na praza de Mazarelos de Santiago de Compostela para celebrar a 43ª edición do Día do Traxe Galego, unha cita moi vencellada ás Festas do Apóstolo. Entre desfiles, exhibicións, certames e obradoiros para a rapazada destaca a feira de vestir «De onte a hoxe», onde as dúas protagonistas tomarán parte de maneira conxunta.

“As miñas creacións baséanse na filigrana compostelá, en metal, e esta colaboración preséntase moi interesante. As miñas pezas fundaméntanse na tradición, pero sempre me gusta innovar e por isto conto con Uxía para esta cita”, afirma Susi Gesto, quen di que “o Encaixe de Camariñas vai estar moi presente”.

Pola súa banda, Uxía Rodríguez, boa coñecedora da Mostra, ten “moita ilusión por este evento”. Colaborará coa colección presentada no concurso de Noveis Deseñadores da Mostra no 2019, ‘Brigos’, que se inspira tamén no traxe tradicional galego pero con toques dos festivais da época hippie ou rock. “É un orgullo para min”, subliña, quen di “estar moi ilusionada nesta colaboración e agardo sexa, a primeira de moitas”.