Camariñas | A praia de Camelle, apta para o baño

Playa de Camelle_Cedida

  • Despois das analíticas realizadas pola Consellería de Sanidade, a calidade da auga acada o resultado de ‘boa’

Este verán será posible nadar na praia de Camelle xa que as aguas deste areal acaban de recibir a cualificación de “boa” por parte da Consellería de Sanidade tras os controis efectuados na temporada de baño do 2020. Sanidade continuará coas probas durante esta tempada para poder incluír este areal no censo oficial de praias aptas para o baño.

Un resultado que referenda que as medidas postas en marcha polo goberno local son efectivas. “É unha boa nova que os resultados dos controis da Xunta coincidan cos datos que arroxaban as analíticas que realizamos”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, que tamén engadiu que “o resto das praias, agás Area da Vila, recibiron a clasificación de Excelente”.

Durante o transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto no ano 2019, o Concello detectara que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.

O goberno local tamén está traballando para que a outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, a de Area da Vila, poida ser reincorporada. O pasado ano leváronse a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos ao mar.