Camariñas | Aberto o prazo para inscribirse nas escolas deportivas de balonmán e fútbol

PIXABAY

  • Compaxinaranse os horarios de adestramentos e partidos para que todos os nenos poidan practicar ambos deportes

As escolas deportivas de fútbol e balonmán do concello de Camariñas abriron este xoves o prazo de inscrición para o próximo curso 2021-2022. Para que todos os nenos poidan participar en ambos deportes compaxinaranse os horarios de adestramento.

A escola de fútbol Concello de Camariñas Juan Cabrejo, de recente creación tras un convenio asinado cos catro clubs do municipio (Camariñas C.F., Club Porteño C.F., Camelle S.D., e As Baleas), contará coas categorías de biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Os adestramentos comezarán en setembro. A inscrición poderá formalizarse a través deste formulario ou enviando un correo electrónico a escoladefutbolcamarinas@gmail.com.

A escola de balonmán tamén comezará os adestramentos en setembro e realizará unha proba gratuíta a finais de agosto. Haberá as seguintes categorías: kids, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil masculino e feminino e cadete masculino e feminino. A inscrición pode facerse a través de Whatsapp no teléfono 677 433 461 ou do correo electrónico balonmancamarinas@gmail.com.

O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, destacou que «este ano, máis ca nunca, desde o Concello queremos apostar polas escolas deportivas xa que isto tamén é unha aposta pola formación educativa e deportiva dos rapaces».