Camariñas acolleu un acto de recordo do 20 aniversario da traxedia do Prestige

Este 13 de novembro facía dúas décadas que comezaba a xestarse a maior traxedia ambiental do país o afundimento do Prestige. Camariñas acolleu este domingo o acto conmemorativo deste 20 aniversario que comezou ás 12 horas na Casa de Pedra. Contou coa presenza da ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, ademais de representantes doutras institucións a nivel autonómico, provincial e local, do tecido asociativo e das entidades do municipio e de colectivos e persoas que no ano 2002 participaron de forma activa nas labores de limpeza do litoral. Os presentes reivindicaron a «marea de solidariedade» que provocou o afundimento do petroleiro e a súa vertedura de fuel, pero instaron ás autoridades a «non baixar a garda».

A portavoz do Goberno xustificou a súa presenza en Camariñas como «recoñecemento» da Administración central a «os concellos, aos voluntarios, aos equipos de protección civil e a todos os veciños que o deixaron todo para atender a emerxencia». «Entre a negrura do fuel apareceu a dignidade da humanidade, que representou o mellor e máis grande do país, as súas xentes», reivindicou a ministra Isabel Rodríguez.

«Sentiamos moita incerteza polo que ía pasar, moito medo, sobre todo economicamente», comentou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua –que por aquel entón tiña 26 anos–, antes de recibir ao resto de personalidades políticas que acudiron ao acto. A alcaldesa incidiu na «marea humana que invadiu A Costa da Morte». «Non sabiamos nin que facer con tanta xente, como darlle para comer ou onde hospedala», sinalou, tras o que reiterou o seu «enorme agradecemento» aos voluntarios e a todos os veciños das zonas afectadas. A rexedora pediu «facerlle caso á xente do mar, que é a que máis sabe». «Por sorte, o mar devolve todo e acabou devolvendo a riqueza que tiña», concluíu.

Entre as autoridades asistentes tamén estiveron o delegado do Goberno, José Miñones, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e diferentes alcaldes e alcaldesas da zona.

Recoñecemento

A parte máis emotiva chegou coa homenaxe ao camariñán Antonio Jesús Alonso Ballester, coñecido como ‘Alonso‘, coordinador das tarefas de limpeza durante o desastre e para o que todos os intervenientes tiveron palabras de agradecemento e recordo. A súa viúva, acompañada polo resto da familia, recibiu unha placa conmemorativa por parte da ministra e da alcaldesa, que coincidiron en apuntar que «Alonso representaba o mellor da dignidade humana». Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia foron os encargados de amenizar este momento.

Críticas á xestión estatal da crisis

A ministra contrapuxo a forma de actuar do Executivo popular liderado por José María Aznar en 2002 coa do socialista Pedro Sánchez, «que cometería erros, pero con determinación, se arremanga para buscar solucións», citando a xestión da pandemia da Covid ou a da erupción do volcán da Palma.

Especialmente claro e crítico foi o presidente da Deputación da Coruña e líder do PSdeG, Valentín González Formoso, quen lembrou que o goberno daquela, encabezado por Aznar en Madrid e por Fraga en Galicia, “preferiu utilizar a manipulación e a mentira” e negar a existencia dunha marea negra, e que mentres Rajoy, daquela ministro portavoz do goberno, falaba de “hilillos de plastilina”, o pecio do buque afundido vertía 200 toneladas de fuel á hora. Emprazou a facer unha “reflexión conxunta” sobre a diferenza na xestión, cun goberno daquela preocupado de afastar e agochar os problemas, cun goberno (o actual) que respondeu á pandemia “dándolle a cara ao problema” e tomando a decisión “máis difícil da historia” decretando o confinamento e reforzando o sistema sanitario e investigador do país.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha