Camariñas aposta forte pola Vía Céltica como itinerario do Camiño de Santiago

2 minutes read

Este venres a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña estivo marcada pola presentación do libro ‘Vía Céltica. Os camiños de Santiago por Santa Comba’, que inclúe a Camariñas como un dos puntos de paso deste itinerario de peregrinación.

No acto, celebrado na pasarela habilitada para os desfiles, participou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o presidente da Asociación Costavales, editora da publicación, Manuel Amigo; e o coautor do libro, Joám Evans Pim.

O proxecto, polo que o Concello de Camariñas aposta forte, avanza a pasos axigantados e a finais do ano 2021 incorporouse ás rutas oficiais de peregrinación xa que a Catedral da a autorización da Compostela a aqueles peregrinos que realicen a Vía Céltica.

A rexedora destacou que “temos argumentos que nos din que pode formar parte do Camiño de Santiago e vamos a ir con todo porque isto pode ser un filón e un revulsivo para Camariñas e para o sector da hostalería e do comercio”.

Pola súa parte, Manuel Amigo salientou a rapidez coa que avanza esta alternativa do Camiño xa que “en dous anos conseguimos a Compostela, algo que outras tardan ao redor de 15 anos” e adiantou que “agora tócanos sinalizalo e promocionalo a través de andainas e eventos para que a xente o coñeza”.

Por último, Joám Evans Pim, explicou como se iniciou e avanzou na investigación para chegar a formar parte este sólido proxecto de itinerario xa que “era moi importante ter unhas boas evidencias e un bo sustento porque sabemos que hai moitos camiños de Santiago e moitas tentativas”.

A ruta de Camariñas comeza pola propia vila de Camariñas e sigue pola Fonte Barreira, O Cruceiro, Xaviña, Tasaraño, A Piosa, Dor, O Allo e Ponte do Porto para xa seguir por Cereixo, Leis de Nemancos, Sendón, Quintáns e conectar co camiño de Muxía a Santa Comba.

Hai moitas evidencias de que este percorrido era un dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela. Na publicación destácase a arquitectura xacobea (axadrezado), os hospitais, a tradición oral e milagres xacobeos que aínda se conservan ou moita documentación.

O coautor do libro detallou os próximos pasos que acometerán: delimitación precisa dos trazados, levantamento documental sistemático, rexistro audiovisual de tradición oral, catalogación de bens culturais asociados aos camiños, sinalización sobre o terreo e elaboración de guías e itinerarios.