Camariñas aposta polo servizo de recollida de aceite usado porta a porta

PIXABAY

  • A empresa Collecting Oil S.L. encargarase desta prestación durante dous anos, prorrogables por dous máis

Co fin de mellorar o servizo de recollida de residuos e de reafirmar a súa aposta pola reciclaxe, o Concello de Camariñas acaba de asinar un novo convenio coa empresa Collecting Oil S.L. para poñer a disposición da veciñanza un servizo de recollida de aceite usado porta a porta. O contrato terá unha duración de dous anos, prorrogables por un par máis.

O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, sinala que con esta iniciativa o Concello «busca mellorar a xestión do lixo, garantindo un mellor servizo para a cidadanía e promovendo, ademais, o respecto polo medio ambiente e a reciclaxe».

Esta prestación abarcará a recollida e xestión dos seguintes residuos: aceites domésticos (fritidos, conservas, caducados), graxas e manteigas, pilas e baterías, lámpadas (mesmo as de baixo consumo e de tipo LED), electrodomésticos de pequeno tamaño (microondas, torradoras, teléfonos ou radios), consumibles de impresoras, téxtiles e roupa e restos metálicos como tixolas ou moldes, entre outros.

O mesmo día da recollida, os veciños poderán deixar na porta dos seus domicilios un recipiente de plástico cos aceites e graxas ou unha bolsa pechada cos residuos domésticos. Será necesario chamar ao Concello para avisar do material que se reciclará.

Collecting Oil S.L. comezará proximamente a percorrer as vivendas do municipio entregando un folleto informativo con todos os detalles sobre esta nova prestación. A periodicidade será dunha recollida cada catro meses (realizando como mínimo tres ao ano).