Camariñas aproba definitivamente a súa primeira RPT

Concello de Camariñas

  • O texto, aprobado en pleno extraordinario cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP, iguala as retribucións do persoal laboral e funcionario

O Concello de Camariñas aprobou este luns, en pleno extraordinario e de xeito definitivo, a Relación de Postos de Traballo (RPT) coa que o goberno local pretende cumprir o seu obxectivo de crear «unha estrutura municipal eficaz, moderna e que permita racionalizar os recursos públicos». Saíu adiante grazas aos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP.

O documento, que foi acordado cos representantes dos traballadores na Mesa Xeral de Negociación e que contou co informe favorable de Secretaría e Intervención, permite analizar, organizar e describir os recursos humanos da administración local.

Un dos grandes obxectivos que se persigue coa RPT, afirman desde a Administración local, é a funcionarización de determinados postos de traballo ocupados na actualidade por persoal laboral. «Con esta ferramenta pretendemos poñer fin ás diferencias que existían entre o persoal laboral e o funcionario, que facían as mesmas funcións pero cobraban diferente», explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.

No documento tamén se reordena a estrutura organizativa do Concello, describindo as características dos postos de traballo, determinando os requisitos que se deben cumprir para a ocupación dos mesmos e racionalizando a asignación de complementos retributivos.