Camariñas aproba o pago de facturas a provedores no seu primeiro pleno telemático

Pleno telemático_Camariñas.

O Concello de Camariñas celebrou este xoves o seu primeiro pleno telemático da historia no que se aprobou un recoñecemento de crédito de 286.892,49 euros para poder pagar facturas pendentes a provedores.  

Este asunto, único punto da orde do día, aprobouse cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e o BNG. A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “non se podía demorar máis este pleno para non atrasar máis do debido asuntos urxentes como pode ser o pago a provedores”.  

Ademais, a rexedora agradeceu ao comezo da sesión a encomiable labor que están a levar a cabo os traballadores e traballadoras da agrupación de Protección Civil de Camariñas “que co seu traballo e esforzo permítennos chegar a todas as casas do municipio nesta crise sanitaria, poñendo en xogo tamén a súa saúde”.  

Como recoñecemento a esa labor, todos os integrantes do pleno decidiron doar aos voluntarios de Protección Civil a achega económica que terían que recibir pola asistencia á sesión. É unha cantidade que suma en total 1.300 euros.  

A sesión levouse a cabo sen ningún problema a través da ferramenta Google Meet e emitiuse en directo a través de Youtube, cunha ligazón que se comunicou a través da web municipal e das redes sociais do Concello minutos antes do inicio da mesma.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha