Camariñas aproba provisionalmente o PEPRI do casco histórico

Foto.- Cedida.

A Xunta de Goberno Local do Concello de Camariñas aprobou provisionalmente o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do casco histórico, o que supón un paso máis de cara á súa aprobación definitiva.  

O seguinte paso será a solicitude do informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para coñecer as súas conclusións e poder pasar á aprobación definitiva e á súa posterior entrada en vigor.  

O PEPRI de Camariñas ten como obxectivo principal recuperar a zona do casco histórico, que na actualidade está en proceso de regresión debido ao crecemento ao marxe do planeamento das últimas décadas. “Queremos que o casco histórico sexa un lugar ordenado, agradable, proporcionado e de calidade”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.  

A rexedora tamén destacou que “cando entre en vigor servirá para recuperar e ordear o casco histórico de Camariñas, elevando a calidade de vida dos veciños e veciñas e creando as condicións necesarias para unha rexeneración urbana que posibilite a actividade económica en sectores clave como o turismo e o comercio”.  

Resumo do PEPRI de Camariñas 

A superficie delimitada polo ámbito do PEPRI é de aproximadamente de 122.032 m² variando o ámbito do PEPRI-01 establecido no vixente PXOM de Camariñas que é de 119.022 m² (11,90 Ha), o que supón un incremento do 2,52 % respecto da delimitación inicial, aínda que esta diferenza está dentro dos parámetros máximos (5%) asumidos pola lei.  

Para a súa elaboración entendeuse como prioritaria a consolidación e protección do tecido e da trama tradicional para evitar así a súa desaparición, ao tempo que se melloran os servizos urbanísticos e as dotacións. Ademais, permite establecer as liñas xerais e normas para que as zonas degradadas polos crecementos sen control poidan recuperar unha harmonía e acadar un maior grao de integración na paisaxe costeira da capital municipal.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha