- A corporación celebrou este venres un pleno ordinario
O Concello de Camariñas aprobou, por unanimidade, o proxecto de reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández coa Avenida da Coruña, así como a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para estas intervencións. No pleno, celebrado este venres, tamén se deu luz verde ao estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións no cuarteirón existente entre a rúa da Rampa e o paseo marítimo de Camelle.
Por último, aprobouse a adhesión do Concello ao convenio entre a Xunta de Galicia e a Fegamp «para articular a encomenda de xestión á Xunta de Galicia de cara á tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas Covid-19», destacan desde o consistorio. Este punto foi aprobado cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG.
No relativo ás mocións, atendeuse por unanimidade á do BNG municipal sobre as peaxes das autovías galegas, así como outra moción do mesmo grupo en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable. Neste último caso, o PP votou en contra.